divendres, 22 de febrer del 2013

Amor a tres

«Que por que te quero? O amor éche así... non se pode explicar e aínda que se puidese non sei se o faría. Para que meter a razón nas cousas do pracer? Podo dicir de ti cincuenta marabillas, e tamén cincuenta cousas terribles... Estar contigo é estar na casa, pero moitos días deixaríate. O amor é así e nunca se acaba, nin para dar... nin para recibir. Por iso o meu amor é para as dúas, ou para os dous. Porque as relacións sempre se levan mellor entre tres. E para gozar do o amor, é fundamental saber usar ben a lingua.»  

Hoxe foi o último día da Biblioteca Vivente organizada por Xandobela no Verbum de Vigo. E esta a sinopse do meu libro, Amor a tres.

De camiño ao Verbum pola ponte de Rande na furgo de Xandobela

Aprendín moitísimo da rapazada que veu escoitar a miña experiencia co galego. E tamén das historias —impresionantes— d@s outr@s libros viventes. Moitas grazas a todas as persoas que a fixeron posible e, especialmente, a Chus Caramés, que pensou en min.

As Cíes desde Samil, diante do Verbum

A situación do país e da lingua é a que é, pero podémola cambiar. Só hai que facelo desde a alegría e desde o amor. Demostráronnolo as olladas d@s raparig@s (e algún mangallón!) que nos viñan ler. Ninguén saíu da biblioteca igual que entrara.

Antonte un rapaz deixou escrito: "Descubrín que podo ser galego". Diso se trata, de saber que podemos ser o que queiramos.

(E que cant@s máis amantes, mellor!)
Free Blog CounterEnglish German Translation
Locations of visitors to this page Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet