dilluns, 30 de gener del 2012

Sobre a tradución ao galego de Pa negre III: algúns criterios de tradución

Recuperando a idea de que traducir é facer literatura e xerar un produto distinto do orixinal, e engadindo a constatación de que este novo produto se fai cos coñecementos lingüísticos e culturais do tradutor pero tamén, e non menos importante, cos seus gustos e preferencias, poderemos chegar á conclusión de que toda tradución é unha proposta de tradución. Así mesmo, dentro do conxunto da obra traducida hai solucións que non soamente lle poden parecer discutibles ao lector senón que, seguramente, nin sequera o tradutor está convencido de que sexan as máis axeitadas.

A continuación vou comentar algunha escollas polas que optei en Pan negro e que me parece que é interesante xustificar, sexa porque lle poden resultar estrañas ao lector, sexa porque non teñen demasiada tradición dentro da literatura galega ou simplemente por explicar o proceso que levou ata elas.

Produtos tradicionais

Un dos puntos que pode suscitar diferenzas é a elección da tradución directa, da adaptación ou do mantemento dos nomes de certos produtos que non existen na cultura cara á que se adapta a obra.

 
Mesa con embutidos e outros produtos tradicionais de Galicia e do País Valenciano

Índomos aos exemplos concretos, cando no orixinal aparece formatge e na tradución queixo, cada un imaxinará un queixo ou outro segundo os seus costumes pero non se xeran problemas de comprensión. Ora ben, queixos hai en todas partes, mais nin en Cataluña se fan chourizos (e o que alí se chama xoriç nalgunhas comarcas nada ten que ver co chourizo do país) nin na Galiza se fan fuets, aínda que sexan máis coñecidos aqueles no Mediterráneo ca estes no Atlántico. Estes graos de coñecemento ou descoñecemento xeran unha presenza desigual destes produtos na cultura galega ata chegar, ás veces, á incorporación dalgúns deles nos dicionarios galegos.

Para ilustrar esta problemática, e xa que andamos co porco ás voltas, imos ver o grao de traducibilidade de tres embutidos concretos, a llonganissa, a botifarra e mais o fuet. A primeira, a llonganissa do catalán aparece en Pan negro traducida como longaínza. O que define este embutido é que está feito coa tripa delgada, aínda que varíe o recheo e o adubo. Optei pola tradución directa aproveitando a coincidencia da palabra e prescindindo das diferenzas que poida haber para cada lector, o que xa nos pasaba co queixo que vimos de ver.
En segundo lugar, a botifarra aparece nos dicionarios galegos con este mesmo nome. No Estraviz como un «chouriço elaborado con carne de porco» e tanto no Xerais coma no Ir Indo coa referencia á súa orixe catalá (dos Países Cataláns!). Polo tanto, traducino polo termo homónimo, sancionado pola lexicografía galega.

Momento dunha mata en Mallorca

O último destes embutidos, o fuet, parece moito máis descoñecido na Galiza —aínda que se poida atopar nos supermercados— e, en consecuencia, non ten presenza nos dicionarios galegos. Un fuet é unha especie de longaínza aínda máis estreita e máis longa (semellante, en certa maneira, a un látego, fuet en catalán). Neste caso non optei polo emprego dunha locución que glosase o significado, xa que podería chegar a ser ridículo, nin pola busca dun embutido por algún recuncho da xeografía culinaria galega que puidese ter unha semellanza co fuet. Optei, simplemente, por manter a palabra orixinal e poñela na tradución sen ningún tipo de marca e en letra redonda; ou sexa, fixen unha proposta de introdución deste termo na lingua galega como anteriormente fixen tamén a proposta da introdución da palabra grelos na lingua catalá. Se hoxe todos sabemos o que é o sushi e o escribimos nas nosas linguas coa grafía inglesa sen problema ningún (como cada vez somos máis hábiles á hora de comelo con paus...), por que non imos poder facer o mesmo co fuet?

«Manteis bos dobrados, panos, copas de festa, botellas de viño, longaínzas e fuets, queixo e noces, rebandas de pan branco, pratos e coitelos...» (p 138)

Finalmente, como contrapunto a este último caso, imos ver o da palabra carquiñolis, que son uns pasteliños tradicionais con escasa presenza fóra de Cataluña que se adoitan tomar de sobremesa ou para acompañar o café. Aquí optei por adaptar a grafía da palabra e complementar o texto cunha nota a rodapé (e volverei máis adiante sobre isto):

«Os carquiñolis (en catalán, carquinyolis) son un tipo de pasteliño estreito, seco e duro, moi tostado, que se fai con fariña, ovo, azucre e améndoas. [N. do t.]» (p. 73)

Partes da casa

A maior parte da acción de Pa negre transcorre nunha masía. En toda a novela mantiven a palabra masía cunha simple adaptación ortográfica e cambiei o sinónimo mas por masía ou por casa segundo o resultado estilístico de cada momento.

Unha masía (ou un mas) é a casa dunha finca rústica que pode variar de tamaño e feitura segundo a zona e os propietarios, pero no caso da masía concreta da novela é o que en Galicia sería unha casa grande, é dicir «a vivenda rural en todo o seu desenrolo [...] [que] ten unha economía pechada, bastándose a si mesma e contando con caseiros, traballadores e criados que constitúen unha verdadeira clientela e forman algo así coma unha prolongación da familia xa que se senten ligados ós da casa grande por unha serie de vencellos de gratitude e de afecto.» (Xaquín Lorenzo. A casa. Vigo: Galaxia, 1982. P. 109-110).


Como nesta casa grande, a masía de Pa negre pertence a unha familia rica absentista dos labores do campo que delega nos arrendatarios o coidado das terras e da facenda e estes, á súa vez, dirixen o equipo de mozos, criados e seitureiros que traballan na explotación. En canto á edificación, non hai un equivalente arquitectónico entre a masía e algún tipo de construción tradicional galega, pero si que podemos encontrar coincidencias tanto cos pazos coma coas casas grandes.

Por iso o porxo da masía que podería ser o corredor dunha casa labrega aparece traducido como solaina —mesmo habendo dúas...—, xa que é a solaina dos pazos o que máis se parece ao grande balcón con arcos da masías que se describe na novela, e transmite máis sensación de casa señorial unha solaina ca un corredor. Ao mesmo tempo, evítase a confusión do corredor exterior có corredor interior da casa que tamén aparece bastantes veces na novela.

«á altura da primeira solaina da casa.» (p. 10) / «as mulleres sentadas na solaina de arriba debullando millo ou zurcindo a roupa» (p. 11) / «A cociña de arriba, a do primeiro andar, era a cociña de verán ou dos señores, e tiña un comedorciño ao lado que daba á solaina» (p. 13) / «Estando ás carranchapernas na ameixeira vin a fachada negra da masía cos buratos das dúas solainas, repetidos como unha orla. Nunha das arcadas da solaina do faiado había unha luz acesa, como un misto, que se apagou enseguida.» (p. 149)

A outra parte da casa que vou comentar e cuxo emprego foi máis afortunado nunhas frases ca noutra é o rocho, é dicir, o lugar onde se gardan as cousas vellas que non se usan. Primeiro traducira «quarto dels mals endreços» por trasteira, mais logo valorei a posibilidade de cambialo por rocho, unha palabra popular que lle dá máis sabor ao texto:

«Na cociña de arriba había outra porta que daba a un rocho que facía de despensa, un lugar escuro, sen fiestras, cunha porta de saída á sala grande.» (p. 13)

Aínda que como se pode ver no exemplo seguinte, quizais era mellor non cambialo cando se usa en sentido simbólico, xa que quedaría mellor “a trasteira do cerebro”:

 «E a min quedábame enterrado no rocho do cerebro o nome do Pere Màrtir mesturado con todos os cachifallos de lembranzas medio esquecidas, nomes descoñecidos, frases misteriosas e escenas inclasificables.» (p. 97)

Portada do libro Masies que cal conèixer, cunha masía con dúas solainas

Antropónimos

Para os antropónimos seguín o criterio de mantelos sempre na lingua orixinal, mesmo sen adaptacións ortográficas. Cando un lector galego lea “a avoa Mercè”, pode ser que faga o c como unha interdental, en vez de pronuncialo con seseo, mais basta esta indicación para adaptarse á pronuncia catalá. E, mentres que os nomes propios se manteñen igual ca en catalán, os alcumes están traducidos polo feito de o seu significado ser importante para a caracterización do personaxe. Este parágrafo ilustra ben o que acabo de dicir:

«Os nomes dos que falaban máis, á parte dos familiares coñecidos, eran os do Cara-sucia [Cara-bruta], a Antònia Tola [Boja] de casa Tona, o Louro de mal pelo [de mal pèl] ou o Canario [Canari] e mais o Civil Encrechado [Civil Rexinxolat], unha parella da Garda Civil que sempre ían xuntos, de xolda, dicía a avoa, «estes dous van sempre de xolda», o padre Tafalla, superior dos Camilos e o seu acompañante, o novizo navarro, os señores Manubens, claro, os donos, o Brunet Que Non Para Nunca [Que No Para Mai] porque era o xefe local do Movimiento da aldea e por iso a avoa lle sacara este alcume, o señor Madern, o mestre, e a señorita Pepita, a ex-monxa Babeca [Tòtila] da Novísima, o Pere Màrtir, que foi unha gran sorpresa..., entre outros.» (p. 27)

Como podedes ver, no caso de Pere Màrtir mantiven a ortografía do complemento do nome á catalá, xa que neste caso ou facía o cambio completo (“Pedro Mártir”), o que entraría en contradición co criterio xeral de non traducir os  nomes, ou ben optaba por unha forma mixta que podería parecer estraña, e o que importa é que a comprensión non queda afectada. Esta vontade de manter a ortografía en coherencia coa forma catalá tamén fixo que non acentuase o apelido Manubens, aínda que en galego poida levar a confusións, xa que en catalán a súa pronunciación é aguda, tal coma se en galego escribísemos Manubéns.

Para os nomes das casas, un asunto non menos importante na novela, fixen o mesmo: traducín os alcumes e mantiven na forma orixinal os que son hipocorísticos e os nomes detoponímicos (e tamén os que non tiña claro se son alcumes ou non...):

«Interesábanse pola orixe dos alcumes ou nomeadas de cada casa —casa Pastor [cal Rabadà], casa Sempre [can Sempre], casa da Rapaza Bonita [ca la Noia Maca], casa do Celibato de Sau [cal Fadrí de Sau]..., e as masías de casa Tona [can Tona —hipocorístico de Antònia—], casa Soca [can Soca] ou La Bruguera, e mesmo os nomes máis comprometidos como casa Merda Seca [can Merda Seca], casa Pixa Torcida [can Pixa Torta], ou casa da Pepa Sucia [ca la Pepa Bruta]—, tema no cal a avoa era unha enciclopedia.» (p. 65)

Sobre este punto só compre engadir que, do mesmo xeito que en galego existe o apócope cas para as casas, en catalán é moi habitual designalas polo apócope ca máis o artigo persoal, resultando formas como cal, ca la, can, ca la, etc. Só empreguei cas nalgún momento por razóns de estilo, e no resto de casos usei sempre a estrutura casa + nome:

«Os ladridos dos cans á noite, tanto os da masía coma os de cas da Roviretes, casa Rovira, inquietábannos» (p. 41)

E, lido agora, decátome de que a algún falante lle pode dificultar a lectura a coincidencia na mesma frase de cans-cas [plural non estándar de can], mais iso xa son accidentes que un non pode prever...

Fitónimos


Para a tradución dos nomes das plantas guieime polas ferramentas de consulta habituais e tamén por este traballo tan completo e interesante. Só houbo dous casos que presentaron máis dificultade, o gitam e o lletimó, polo feito de seren plantas propias do mediterráneo e da metade este da Península ibérica que teñen nome en catalán, en castelán, en aragonés e en éuscaro mais non en galego. Para resolver este atranco contei coa axuda de Silverio Cerradelo, formado tanto en ciencias naturais coma en filoloxía, que me aconsellou varias opcións que me levaron a optar polo nome portugués para o gitam (Dictamnus hispanicus), fraxinela, e por crear o neoloxismo tomentelo real para o lletimó (Dictamnus albus) a imitación do sinónimo timó reial polo que tamén é coñecido este vexetal nalgúns lugares do País Valenciano.

Flor do gitam

«—Ai! —dixo a avoa Mercè coma se se dispuxese a explicar unha lección demasiado difícil para a nosa capacidade—. Os animais teñen un instinto especial para encontrar os remedios das súas enfermidades; cando teñen algunha ferida saben escoller o tomentelo real [gitam] e a fraxinela [lletimó] das outras herbas, e cando lles pica unha víbora buscan axiña o ourego [orenga] (p. 45)

Notas a rodapé

En canto as notas a rodapé, escusei redactar todas aquelas que puidesen servir só para redundar en obviedades ou ben naqueles casos nos que unha nota non achegase ningún valor engadido a algo que hoxe se poida encontrar con facilidade cunha busca na rede. Un recurso para evitar a introdución dunha nota é a glosa dentro da mesma frase do que se quere esclarecer; por exemplo, cando en Pa negre di «al cor de les Guilleries», en Pan negro engádeselle o nome do accidente xeográfico para que o mesmo texto xa dea conta do que son Les Guilleries:

«e cando volvía quedaba a alindar o gando nos fondais e pasaba as invernías no bosque, no corazón da serra de Les Guilleries» (p. 14)

A maiores da nota á que xa fixen referencia ao falar das comidas, engadín unha para explicar que o Sant Ferriol da «adega de Sant Ferriol» é o santo protector do viño (p. 16), outra para aclarar que Patufet é a palabra popular derivada dunha publicación —e antes dun personaxe popular— coa que se designa(ba)n as revistas ilustradas infantís en Cataluña (p. 25) e outra porque me pareceu interesante non só indicar que o avó Macià e o alcume de Francesc Macià, senón indicar que foi o 122 presidente da Generalitat de Catalunya durante a Segunda República (p. 86). Non é a función das notas ao pé facer pedagoxía, pero fíxeno como pequeno acto de rebeldía informativa contra todos aqueles que hoxe queren facer crer que as institucións catalás son un invento recente dos nacionalistas. E, a última das enes do te está redactada para poder saber sen levantar a vista do texto quen eran dous bandoleiros que aparecen como transfondo històrico na narración —e se cadra é a máis prescindible de todas—:

«Joan Sala i Ferrer, máis coñecido como Serrallonga, e El Fadrí de Sau foron dous célebres bandoleiros de Osona, comarca na que transcorre Pan negro. Levaron a cabo as súas accións durante as primeiras décadas do século XVII e as súas vidas foron reelaboradas e mitificadas pola literatura e polas lendas populares.» [N. do t.] (p. 106)

Canción Serrallonga do grupo Esquirols con paisaxes de Les Guilleries e de Osona

Hai outros casos nos que aparecen notas a rodapé con asterisco en lugar de números para poder manter algunhas estrofas de cancións populares en catalán e dar a tradución literal en galego:

«El mestre que m’ensenya, / l’airum, l’airum, l’aireta, / el mestre que m’ensenya s’ha enamorat de mi.» = «O mestre que me aprende / ailalelo, ailalalo, / o mestre que me aprende / namorouse de min.» (p. 37)

É ben comentar que a tradución de l’airum, l’airum, l’aireta por ailalelo, ailalalo é totalmente persoal, mais serve para indicar que son formas equivalentes en cadansúa lingua deste verso baleiro. Noutros casos a nota con asterisco é para non traducir unha cita literaria, como acontece con esta de Frederic Soler:

«esmola que esmola, fes dagues, daguer, fes dagues que passin les malles d’acer...» = «Afía que afía, fai dagas, coiteleiro, fai dagas que pasen as mallas de aceiro...» (p. 107)

As escollas léxicas (pares verbais, sinonimia, dialectalismos...), estilísticas, etc., que podería comentar son infinitas, mais prefiro deixar aquí este tema e penso que xa quedaron abondo xustificados algúns dos criterios polos que me guiei na tradución da novela, e tamén quedou claro que son eleccións sempre discutibles e modificables.

Anteriores:

"Sobre a tradución ao galego de Pa negre II: a intertextualidade"
"Sobre a tradución ao galego de Pa negre I: o título"
"Sobre a tradución ao galego de Pa negre"

1 comentari:

Alessandro Ardovini ha dit...

Moi interesante e clarificador. Graciñas por compartir!

Free Blog CounterEnglish German Translation
Locations of visitors to this page Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet