dissabte, 21 de gener del 2012

Sobre a tradución ao galego de 'Pa negre' I: o título.

O pa negre que dá título á novela fai referencia ao pan que comeron tantas familias na posguerra. Ese pan feito con fariña de centeo —no mellor dos casos— e que hoxe moitas persoas maiores non queren comer, como lles pasa co pan de millo, porque mentres á xente nova nos presta e nos gusta, a eles lémbralles os anos da fame e da escaseza, cando era un luxo comer pan branco.

Para a tradución ao galego deste sintagma valorei tres opcións. A primeira delas, a tradución directa: "pan negro". As outras foron "pan centeo", unha maneira moi tradicional de chamarlle a ese pan e, finalmente, "pan mouro". Esta última quedou descartada porque é moi restrinxida, porque os significados de mouro poderían interferir no sentido primeiro do título e porque “pan mouro” tamén é o nome que nalgunhas partes da costa galega se lle da á esponxa de mar. "Pan centeo" non quedaba mal, pero dáballe un carácter moito máis doce e hoxe case de gourmet a un pan que perdería a connotación da negrura e da miseria que implica o pan negro, que doutra banda é como lle chaman (?) no Incio ao pan centeo.

Ademais, coa sombra do castelán que nos leva sempre a pensar se temos que optar por solucións diverxentes, tamén valorei a posibilidade de distanciar o título do Pan negro da tradución castelá da novela —castelá non só pola lingua, senón tamén polo dialecto—, feita polo propio Emili Teixidor. Non o fixen porque, dunha banda, procuro actuar coma se o castelán non fose unha ameaza que nos leve a cometer absurdidades como prescindir de vocabulario xenuíno só porque sexa compartido coa lingua románica do lado e, pola outra, porque podemos aproveitar a coincidencia no título para que alguén que non estea interesado na tradución galega tope con ela ao facer unha busca na rede ou ao pedir Pan negro nunha libraría, e nunca sabemos a través de que casualidades podemos chegar a un lector ou a un comprador potencial.


Poida que haxa outras posibilidades e algunhas que nin sequera se me ocorresen, pero estas son as razóns que me levaron a escoller Pan negro. E, se alguén quere aprender a facelo, aquí ten a receita.


4 comentaris:

Suso F. Acevedo ha dit...

Manuel Rivas, optou por "pan negro" neste fermoso poema, que fala do mesmo:

O PAN NEGRO
En trementes humidades dunha memoria que non é a miña
estou a debullar o negro pan dos cuarenta,
o lume entrecortado por rezos e motores lonxanos como ouveos,
os panos bordados con dedos biqueiros na brancura,
e tamén o medo,
un medo que asubía infindo,
axexante nas hedras,
espido, terriblemente fraco e pálido,
como os ollos por dentro.

Non é miña esta memoria.
Eu mirei as violetas empoleirarse aos xogos,
deixarse xenerosas nos valados secretos.

Mais esta chuvia cansa,
esa luz de limoeiro aterecido,
ese pouso de lúa sobre as tellas,
o muxido marelo que alenta polas lombas nabeiras...

Quen sexa que recorde,
quen reteña o negro pan dos cuarenta,
a paciente criación dun mesmo nos bordados do liño,
o medo,
un medo omnipresente que pendura do teito,
quen sexa que vos fale
da cerdeira tolleita por dentes de friaxe,
de motores lonxanos como ouveos, do medo,
dese medo orfo, aterecido,
que abre nos pestigos e axexa pola fiestra.

Quen sexa que recorde,
o que remova con agarimo a miña memoria de violetas
que abeiraban os xogos,
a miña memoria de columpios na rexa carballeira,
a miña memoria de prados musicais.

Quen sexa que vos fale,
o que apouse os seus dedos de invernía na miña memoria,
ou que aloumiñe coas súas mans de séculos a miña memoria,
o que con xeito doce apalpe na miña memoria de pan branco
con esas mans que debullaron o negro pan dos cuarenta.

Quen sexa o que recorde
ten un nome bordado na miña memoria de violetas,
na fresca vizosidade da vella carballeira,
nos enredos, nos xogos, no pan branco,
nas memorias futuras que aloumiño, sen medo,
cos meus dedos de ensoño.
(M.Rivas: Balada nas praias do Oeste, 1985)

Eduard a 39º 51' 14.57" N - 4º 12' 09.35" E ha dit...

Que agasallo tan bonito, Suso!

Non coñecía este poema, así que xa me valeu para algo o post.

Para cando unha xornada poética nas Castañeiras?

Unha grande aperta.

Anònim ha dit...

Onde se pode mercar?

Eduard a 39º 51' 14.57" N - 4º 12' 09.35" E ha dit...

En calquera libraría galega (Pedreira e Couceiro en Compostela, Torga en Ourense, Trama en Lugo, etc...).

Está distribuído polo Consorcio editorial galego.

E, en Barcelona, tamén en Sargadelos, en La Central, etc.

Free Blog CounterEnglish German Translation
Locations of visitors to this page Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet